A corporación municipal rianxeira aproba unha moción relativa ao Día Internacional da Muller

28 Febreiro 2020

Rianxo celebrou na tarde de onte a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de febreiro. Dentro da orde do día, a parte resolutiva incluía a aprobación da acta 1/2020 do pleno ordinario do 30 de xaneiro e da acta número 2/2020 do pleno extraordinario do 16 de xaneiro, saíndo adiante por unanimidade.

En canto á parte de control, primeiramente efectuouse a dación de conta das resolucións de Alcaldía e das actas da Xunta de Goberno, así como a dación de conta do informe de seguimento do Plan de axuste 2012-22 no primeiro trimestre de 2019.

Seguidamente, abordouse a moción presentada por Rianxo en Común relativa a medidas para combater a problemática da fauna salvaxe nas parroquias. O voceiro da formación, Julián Bustelo, manifestou que se produciu un incremento e desprazamento das poboacións de xabaril e que “a día de hoxe, carecemos dun censo poboacional por comarcas que reflicta fielmente o problema do que estamos a falar, mais carecemos tamén dun plan de xestión serio, así como dunha estratexia de manexo da especie, o cal da boa mostra da implicación do Goberno autonómico neste asunto.” Tras unha exposición de datos, amosouse crítico coa declaración da emerxencia cinexética por parte da Xunta de Galicia no 2019, sinalando que se trata “dunha norma perigosa e ridícula. Un auténtico disparate cuestionado desde os propios tecores. Ademais, está máis que probado que as poboacións de animais sometidas a unha alta mortalidade causada pola caza, reprodúcense máis rápido. Ao final, obtemos a inversa do que se pretende.” Tamén fixo referencia ao “trámite burocrático tremendamente farragoso e desesperante” a superar para conseguir unha axuda por parte dos propietarios de fincas danadas por estes animais.  Por estes motivos, o grupo solicitou o establecemento dun estudo para a creación dunha liña de axudas para os devanditos propietarios, a incorporación de dispositivos e medidas de prevención contra os ataques do xabaril; pór en marcha medidas para a diminución da extensión do monocultivo de eucalipto; instar á Xunta a que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados polo xabaril no municipio; requirir ao Goberno galego a realización “dun estudo rigoroso sobre o censo e distribución das poboacións de fauna salvaxe máis problemáticas”; e dar traslado do acordo ás demais corporacións municipais da comarca do Barbanza.

A este respecto, a portavoz de Ciudadanos, Sara Resúa, indicou que votaría a favor, argumentando a necesidade de poñer unha solución. Pola súa parte, a socialista María del Carmen Figueira, apuntou que era competencia da Xunta, polo que debería ser esta a que establecera unhas medidas de control, ademais de que non debe ser un Concello o que xere esa liña de axudas. O edil do BNG, Tobías Betanzos, expresou que compartían a preocupación, pero non que a Administración local sexa a que se poña á fronte deste problema cando “ten un recursos escasos e ten que atender unha serie de necesidades básicas que tamén afectan ao rural.” O alcalde Adolfo Muíños anunciou que o grupo de goberno votaría en contra desta medida, ao entender que “pretende poñer o foco no Concello, cando evidentemente as responsabilidades non están aquí, a capacidade real de intervir na súa totalidade.” Tras o debate, a proposta resultou denegada ao contar unicamente co respaldo de Rianxo en Común e Ciudadanos, votando en contra BNG, PSdeG-PSOE e PP.

A continuación, tratouse a moción presentada polo BNG en relación ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O concelleiro Tobías Betanzos explicou que, a través desta medida, “o BNG amosa a súa identificación e compromiso cos obxectivos e preocupacións do feminismo” que propón focalizar esta xornada ao redor dos coidados baixo o lema Sen coidados non hai vida, mudando o sistema, derrubando o patriarcado. Así, engadiu que a moción recolle aspectos “que afondan no problema de desigualdade que está a vivir a muller en relación ao home neste sistema que é patriarcal.” Neste senso, lémbrase que, dentro deste contexto, a sociedade carga os coidados sobre as mulleres, créase unha situación salarial e social “que pon á muller en desvantaxe en relación ao home.” Deste xeito, solicitaron que a corporación acordase apoiar as convocatorias que o feminismo galego fai cada 8 de marzo; que a Xunta de Galicia visibilice o problema da desigualdade social e económica da muller na sociedade a través de investigación e estudos; e que a Administración autonómica asuma garantir a tódalas persoas, independentemente do concello no que se viva, a poder participar nos programas de axuda á dependencia. Esta cuestión saíu adiante co apoio de tódolos grupos municipais, absténdose Ciudadanos, xustificando a súa postura en que considera que “máis que estudos, habería que facer políticas de educación na igualdade e na concienciación; ademais de que cando se fai algunha concentración hai veces que, en vez de ser para todo o mundo, ten certos tintes políticos”, tal e como puntualizou a voceira Sara Resúa.

Outros artigos

Unha muller ferida nun accidente na autovía en Asados

Unha persoa necesitou atención por parte dos servizos sanitarios logo dun accidente de tráfico ocorrido preto das cinco da tarde deste martes na autovía de Barbanza. O vehículo que conducía saíuse da vía na zona de Asados e terminou envorcado sobre o asfalto. Os...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...