A Pobra do Caramiñal concentrará numerosas actividades culturais ao longo do mes de febreiro, antes de dar a benvida ao Entroido. Nesta ocasión, o Elma albergará teatro, espectáculo e cine. Así o deron a coñecer este mediodía a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a axudante desta área, Loló Fernández.
A edil Patricia Lojo destacou que, desde o Concello, continúan “apostando pola cultura, pensamos que é moi importante, funciona moi ben e a xente segue demandando”, razón pola cal organizaron unha programación “diversa e divertida.”
Na súa intervención, Loló Fernández salientou o contido de todas estas citas, ademais de estar dirixidas a diferentes públicos
Como adianto, os pobrenses tiveron a oportunidade de visionar o 26 de xaneiro o filme Los amigos. La pinícula, o cal xurdiu hai un par de anos cando varios compañeiros de profesión empezaron a gravar unha historia de humor absurdo e irreverente no seu tempo libre. De seguido, crearon unha páxina de Facebook onde colgaban tódolos avances e, ao pouco tempo, comezaron a gañar adeptos e popularidade, traducíndose nunha maior expectación e incorporando a numerosos actores e actrices que se ofreceron a colaborar tales coma Manuel Manquiña, Xosé A. Touriñan, David Amor, Federico Pérez, Pepo Suevos, David Perdomo, Marcos Pereiro, Luma Gómez ou Marta Doviro, entre outros. A esta aventura tamén se uniron personaxes relevantes da cultura galega coma, por exemplo, Susana Seivane, Brais Morán, Kiko Novoa ou Sevi Martínez.
Nada máis comezar febreiro, o sábado 1, Boriska presenta Sueño infantil, ás 18.00 horas. Trátase dun show diferente, divertido e familiar onde se mesturan a música, o humor e o xogo. Pompas de xabón xigantes, cómicos, bailes e moito máis farán as delicias das crianzas e das súas familias.
O domingo 2 terá lugar a proxección da nomeada e galardoada longametraxe O que arde, dirixida por Óliver Laxe e que ten como protagonistas principais a Amador Arias e Benedicta Sánchez. A sinopse desta cinta expón que ninguén agarda a Amador cando sae da cadea tras cumprir condena por ter provocado un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando o lume violento arrasa a zona. Debido ao volume de interesados, a concelleira Patricia Lojo anunciou que se desenvolverán dúas funcións: a primeira, ás 19.00 horas, e a segunda, ás 21.15 horas. Os asistentes poderán recoller ata media hora antes de cada función as entradas, as cales son de carácter gratuíto.
A compañía D Ste Xeito chega o domingo 9, ás 19.00 horas, coa representación de Running. Nesta comedia da directora e dramaturga Esther F. Carrodeguas, a actriz Stephy Llaryora e o actor Sergio Macías terán que suar a camiseta para meterse na pel dunha vintena de personaxes. Así, preséntasenos a Xulia e Román que acaban de coñecerse e o primeiro whatsapp non tarda en chegar: “Quedamos? Veña si! Pero cando?” A sinopse fala de fillas e fillos de parellas anteriores. Nais divorciadas. Avós na residencia. Adolescentes co pavo. O pequeno coa crise dos 8. Os grandes coa dos 40, coa dos 50, coa dos 60. Clases de ioga para liberar o estrés, patinaxe artístico os luns, danza jazz os martes. E ser taxista. Das fillas, dos fillos, das fillas dos demais, do pai, da nai, da avoa, dos primos. E os deberes. Os deberes da escola e o resto de deberes. Deberes e obrigas. Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Como facer que as axendas cadren? E por outra banda: comezar de verdade algo novo que poida supoñer máis deberes e menos pensar nun mesmo? Romeo e Xulieta tiñan as familias na contra dun amor prohibido. Xulia e Román aínda non saben se tanto se queren, pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.
Posteriormente, o domingo 16, Malasombra encargarase da posta en escena de Go on!, ás 19.00 horas. A obra amosa como despois da chegada á Lúa, á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do ser humano a Galicia. No 2010, ano 25 despois de Gayoso, dous intrépidos exploradores tiveron o valor de se adentrar nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea. Ademais, esta peza teatral constitúe unha emocionante novela de aventuras co terrible ataque do can de palleiro, un completo folleto turístico para conseguir alimento nas festas gastronómicas, unha guía de primeiros auxilios para saber que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo e moito máis. En definitiva, unha odisea cósmica no espazo galego.
A entrada a todas estas actividades é libre e ata completar aforo.