Medra o revolucionario proxecto de dinamización lingüística orixinado na Pobra: 21 Días co galego

14 Xaneiro 2020

Suma e segue o proxecto 21 Días co galego, impulsado dende o IES da Pobra do Caramiñal (da man da profesora Pilar Ponte Patiño, recentemente galardoada polo seu labor co Premio da Cultura Galega que concede o Goberno autonómico). Este luns 13 presentouse a súa nova andaina no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, nun acto onde se fixo saber que a iniciativa chegará este ano a 4.000 estudantes de Secundaria de toda Galicia, fronte aos 1.316 do curso anterior.

A nova etapa estendida de 21 Días co galego (21 Días co galego e +) foi presentada polo secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Educación, que puxeron o foco no crecemento da experiencia (que pasa de abranguer catro de ensinos a ter presenza en dez) e no carácter referencial do seu sitio en liña, https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/.

Segundo fixeron saber, neste programa trátase de facer o mesmo que fixo o IES da Pobra en orixe, unha iniciativa de éxito en materia de dinamización do galego entre a xuventude, pero extrapolándoo a toda a nosa xeografía. O obxectivo final, dixeron, é que a xente nova fale máis galego dentro e fóra das aulas (trátase de convidar á rapaza a mergullarse na lingua durante 21 días, precisamente).

A nova edición vaise desenvolver durante os 21 días comprendidos entre o 13 de xaneiro e o 2 de febreiro.

Segundo fixo saber o secretario xeral sobre a nova convocatoria e as novidades que pon en xogo, “este ano propuxémonos unha maior participación das familias, así como do profesorado de departamentos diferentes aos de Lingua Galega e Literatura, en especial neste Instituto Xelmírez I, onde, de xeito experimental, cada semana serán os docentes dunha materia distinta os que canalicen os retos do 21 días”.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, destacou a importancia “de que a comunidade educativa se implique na implementación de proxectos innovadores que favorecen a dinamización do galego a través de propostas atractivas e orixinais para o alumnado que inciden desde os ámbitos escolar ou familiar na promoción do uso social do noso idioma”.

Canda os responsábeis da Xunta, participaron na presentación o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do IES, Manuel Portas; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte, e alumna de bacharelato Noela Rivas.

504 horas na nosa lingua

21 Días co galego e + é un programa promovido pola Xunta de Galicia baseado no número de xornadas que se consideran precisas na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu primeiramente no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, o Goberno galego asumiu como propia para facela extensiva a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1.316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos.

En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3.877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de Bacharelato e de FP, que se comprometen a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, un total de 504 horas ininterrompidas na nosa lingua desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro. Así mesmo, tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos.

Os centros participantes son o IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).

Toda a actividade na Internet

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e +, onde se mostrarán as creacións dos centros adheridos, que deberán seguir e actualizar cada día os participantes para recibir diferentes contidos: unha vez á semana aparecerá o reto de grupo que deberá superar o alumnado.

En palabras das entidades impulsoras, o programa 21 Días co galego e + está centrado no “fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e coas redes sociais”. Ademais, explican, “emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo”, e pon en xogo elementos de gamificación (extrapolación á vida real de metodoloxías eficaces propias dos videoxogos) que poden ir desde os xogos máis tradicionais a experiencias innovadoras, entre elas tarefas colectivas como os retos.

O galardón a Pilar Ponte Patiño

Na categoría de Lingua, Pilar Ponte Patiño, profesora do IES da Pobra do Caramiñal de Lingua e Literatura Galegas, recibiu en 2019 o Premio da Cultura Galega. No ano 2012, a profesora creou no centro docente onde imparte clases o proxecto 21 Días co galego, co que anima as mozas e mozos do instituto a se expresar na nosa lingua durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua e no que o proceso de substitución lingüística polo castelán se acelerou de maneira notábel nos últimos anos.

Pilar Ponte creou a iniciativa co obxectivo de que o alumnado da Pobra do Caramiñal acadase “unha maior competencia na lingua do país e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, sempre concibidas para levar o idioma sobre todo a aqueles eidos onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes”. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e Bacharelato. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística.

Outros artigos

A Pobra acende o seu Nadal ao son da música e degustando chocolate

A Pobra do Caramiñal xa entra oficialmente no Nadal co acto de acendemento do alumeamento. Dous elfos de Papá Noel estiveron cantando panxoliñas polo centro urbano para guiar veciñanza cara a praza Alcalde Segundo Durán, onde, como xa é habitual, as crianzas estaban...

+

Adíase o concerto de Gallaecia Small Band na Pobra por mor da chuvia

A Pobra do Caramiñal acenderá o seu Nadal cun acto no 30 de novembro. Unha das actividades programadas é o concerto de Gallaecia Small Band que, finalmente, o Concello opta por adiar debido á previsión de chuvia para as últimas horas da tarde. A nova data é o 24 de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...