
A formación Rianxo en Común vén de pronunciarse sobre o POS de Rianxo, cuestión que será levada a un pleno extraordinario. Para a agrupación que lidera Julián Bustelo, resulta “habitual nos últimos anos, que no referente a este asunto o goberno -até o de agora do BNG en minoría- andase a contrarreloxo”, pois afirman que o prazo remata mañá. Neste senso, poñen como exemplo o sucedido o pasado ano, no que o POS foi aprobado nun pleno extraordinario o 17 de decembro, rematando o prazo ao día seguinte. Así, declaran que “o goberno convocábanos a unha comisión antes de que se celebrara o pleno mais facíao tarde, cando xa quedaban poucos días de prazo, para así ter a escusa de que as iniciativas que propoñíamos dende a oposición non se podían incluír xa que non daba tempo a estudalas.”
Deste xeito, o partido sinala que neste 2019 o prazo para presentar proxectos comezou o 11 de novembro, facendo públicas as súas iniciativas “con antelación suficiente”, pero “non nos daban convocado.” Por tal motivo, o 1 de decembro rexistrouse un escrito dirixido ao alcalde Adolfo Muíños, no cal se explicaba a necesidade de acometer esas actuacións propostas.
O outro exemplo exposto é a celebración durante esta semana da Comisión Especial de Contas, na cal manifestan que se tratou a conta xeral do 2018, polo que “o tema xa chega tarde, pero ademais, a documentación relativa á mesa fixéronnola chegar con 4 días de antelación, cando segundo o artigo 212 da lei reguladora de facendas locais deberíamos ter 15, vulnerando os dereitos do concelleiros.”
Desde Rianxo en Común apuntan que hoxe celébrase o pleno para aprobar o POS, “e até hoxe o goberno nin nos convocou para falar das nosas propostas, nin fixo un esforzo por facernos chegar as súas. Enterámonos do que pretenden incluír no POS fai 48 horas, cando nos remitiron a convocatoria do pleno extraordinario.” Desta maneira, indican que o goberno pecha a porta a calquera entendemento coa oposición, “e particularmente cos grupos que presentamos propostas.”
Por todo o exposto, entenden que se trata dun “novo exemplo de retroceso democrático”, considerando que “xa van uns poucos” no que vai de lexislatura. Ademais, expresan que “unha vez máis o goberno fai valer a maioría que mercou a cambio de unha dedicación exclusiva (a do PSOE) para prescindir do diálogo e para silenciar á oposición. Temos un goberno máis amplo do que fai uns meses, con máis dedicacións, mais semella que no único que cambiou foi en instaurar unha práctica absolutamente antidemocrática.”