Nacho Munilla: “Os paxaros fannos ver que este modo de vida que levamos vai dar ao traste co mundo”

06 Novembro 2019
Pancho Lapeña e Nacho Munilla, metidos en faena e con paxaros na cabeza

Estes días está a coller corpo na plataforma de micromecenado Verkami a Guía definitiva das aves de Galicia, escrita por Nacho Munilla e con ilustracións de Pancho Lapeña. Sabíamos, pois así o reflectimos os días pasados dende O Barbanza, que se trata dunha homenaxe ilustrada aos paxariños galegos que tantas e tantas cousas contan cos seus chíos a quen teña paciencia e tempo para escoitalas (cousas como: “coidadiño co que lle estades a facer ao planeta!” ou “protexédenos, que nós tamén somos importantes”). O que non sabíamos é que tamén é un tributo ás poboacións de rabirrubios, lavandeiras amarelas e o liñaceiros que habitan nas nosas illas (Sagres, Sálvora, Vionta, etc), até nas máis inhóspitas e pequerrechas, moitas das cales os autores coñecen case case coma as palmas das súas mans. Tampouco sabíamos que o proxecto xa superou as previsións en Verkami e que segue a recadar apoios. Deixemos que sexa Nacho quen nolo conte.

-Nacho, es responsábel, xunto con Pancho Lapeña, do proxecto para a edición da Guía definitiva das aves de Galicia. Podemos velo estes días en Verkami, recadando apoios para a súa consecución e colleitando os seus primeiros éxitos, mesmo antes de que se converta nunha realidade. De feito, vemos no apartado do proxecto en Verkami que a guía, a falta de dúas semanas para o remate do prazo de recadación, xa deixou atrás a liña dos apoios mínimos e segue cara adiante xuntando máis micromecenas. Superastes as expectativas? Imaxinabas que ías ter estes apoios? Por que cres que a xente está respondendo coa súa colaboración?

-Superamos as expectativas ben superadas. Entre outras cousas porque somos xente insegura e precavida, ha, ha. O libro é, ou cando menos pretende ser, no seu conxunto, un libro fermoso e se cadra iso transmítese e chega á xente, non o sei. Tamén é un libro que entra polos ollos grazas as ilustracións de Pancho, ao seu xeito de interpretar os paxaros.

-Nacho, O Barbanza é un medio comarcal sobre os concellos de Arousa Norte: Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo e a súa contorna. Houbo partes do libro que se fraguaron nalgún destes territorios? Preguntámoscho porque, malia vivir en Santiago, sabemos que pasas moitas tempadas na costa, e mesmo tes vivido en Ribeira e, se non nos trabucamos, en Sálvora, nas Ons e nas Cíes por razóns de investigación…

-Este libro ten moito de subxectivo, no sentido de que transmite impresións persoais sobre os paxaros, e claro, son impresións que eu recibo cando ando polo monte, polo campo ou polo mar. Por exemplo, aínda que eu nas illas traballo con aves mariñas (gaivotas, corvos mariños, pardelas) sempre tomo nota dos paxariños pequenos que vexo alí, especialmente dos que se atopan nos illotes máis pequenos. Non sei, penso que expresan ese impulso da vida por ocupar canto recuncho habitable hai neste mundo. Paxariños como o rabirrubio, a lavandeira amarela e o liñaceiro. Cando estás en Sagres, Noro, Vionta, Herbosa, nesas illas de Arousa nas que as condicións de vida son durísimas e ves eses paxariños alí pois é inevitable sentir por eles un respecto profundo. A mirada de Pancho tamén vai por aí.

-Nestes temos que vivimos, cres que é necesario escoitar os nosos paxariños e ver que nos contan? Cal cres que é a súa mensaxe?

-Eu son da opinión de que os paxaros son os encargados de facernos ver aos humanos que este modo de vida que levamos como especie vai dar ao traste co mundo.

-Onde está a orixe deste libro que estades a materializar? Queriades botar unha man a todo ese gran colectivo de xente que, malia amar os paxaros como se merecen, descoñece as metodoloxías básicas para diferencialos, as súas principais características, os motivos polos que apareceron, ao longo da historia, en múltiples contos, cancións, refráns ou ditos populares?

A orixe e a premisa deste libro está na teima nosa de achegarlle aos paxaros a xente de tódalas idades, raza e condición. E con ese fin empregamos múltiples estratexias e ferramentas: ciencia, literatura, arte…

-No voso espazo de Verkami dicides que a vosa guía é tributo a un libro perdido dun escritor galego que ten unha apaixonante historia detrás. Trátase dunha obra editada polo selo londiniense John Constable & Sons, que foi case destruído por dous mísiles xermanos V2 durante a Segunda Guerra Mundial, provocando importantes perdas nos almacéns da editorial, onde se acubillaban, precisamente, os exemplares da primeira edición da Guía Definitiva das Aves de Galicia de Salvador Lueiro. Que hai de verdade e que hai de ficción nesta historia?

-Eu tiven a oportunidade de botarlle unha ollada a unha caixa gardada nun arquivo dunha das principais bibliotecas de aves de Europa. Ese achado casual foi determinante para esta historia. Non estou autorizado a revelar máis nada. Síntoo.

-Cantos tipos de paxaros describides no libro? Haberá segunda parte para dar acollida a outras tantas especies coma no primeiro volume? Tendo en conta o éxito deste proxecto de estrea, eu non desbotaría novas andainas nesta vosa particular homenaxe ás aves nosas e ao folklore paxareiro…

-Agora mesmo estamos a xestionar as emocións desencadeadas polo éxito da campaña. Un proxecto na liña da Guía Definitiva que se estendese á totalidade da avifauna galega sería todo un desafío, mais un desafío marabilloso. Marabilloso e factible. Máis dunha vez temos falado Pancho máis eu dun proxecto así…

-Respecto dos prazos de edición, cando credes que estará o libro na rúa? Vai ser distribuído como un libro normal ou só se poderá conseguir na Rede ou en puntos de venda específicos?

Contamos con levalo á imprenta na segunda semana de novembro. Na imprenta nos dixeron que como moitísimo nun mes xa estaría feito, así que para mediados de decembro teremos o libro na rúa. Despois faremos unha xira de presentacións con charla de aves incluída polas principais cidades e vilas do país. Temos xa apalabradas presentacións en Compostela, Lalín e A Coruña. E xa que estamos… vaia aquí o noso ofrecemento para facer unha presentación no Barbanza. Presentación + charla por suposto!

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...