
20191003. Loaira Pérez, Martiño Hortas, Abelardo P. Santiago e Ismael Pérez forman o equipo de Raposiñas, un obradoiro cerámico rural situado na aldea Lomba da Pobra do Caramiñal e que se adscribe a Artesanía de Galicia.
Os seus comezos foron nun garaxe, o cal foi recentemente acondicionado cunha axuda de 50.000 euros do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) destinada á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (Galicia Rural Emprende). Así, xunto a moito esforzo, botaron a andar o proxecto por etapas, atopándose actualmente na de venta e difusión.

Raposiñas deseña a partir de conceptos, os cales modelan traballos concretos: a casa, a horta e o xogo; a memoria; o mar e a ribeira; a choiva e a secura; o global e o local. Ademais, as coccións imitan procesos xeolóxicos, mesturando compostos minerais e enfornándoos a altas temperaturas, sen empregar materiais sintéticos.
Segundo manifestan, queren que a relación coas súas pezas sexa unha experiencia visual e, especialmente, táctil. Deste xeito, experimentan revestimentos suaves, con carácter e altamente sensitivos. Así mesmo, expresan o seu contento por ofrecer obxectos que consideran especiais, con formas de liñas sutís e orgánicas con decoracións primixenias de tacto pétreo. Tamén indican que traballan co propósito de embelecer o cotiá de forma sostible.

Loaira Pérez e Martiño Hortas, graduados en Belas Artes e con especialidade na cerámica, encárganse do traballo no obradoiro; Ismael Pérez exerce as tarefas de xestión e administración; e Abelardo P. Santiago, delineante industrial, deseña dixitalmente os bosquexos e talla as ferramentas con madeiras nobres.
O proceso creativo parte de bosquexos de barro para deseñar as pezas definitivas dixitalmente e obter os prototipos mediante impresión 3D e PLA. A partir destas impresións, elabóranse os moldes de xeso nos que se colocan gres e arxilas locais. Ás veces, deforman as pezas manualmente co obxectivo de procurar formas máis orgánicas. Producen os esmaltes con materias primas minerais -cuarzos, caolíns, cinzas e terras do entorno-, alternando diferentes capas para que cada peza sexa diferente.



Loaira Pérez sinala que venderán no seu propio local, interesándose xa algúns comercios, así como establecementos hostaleiros. Aínda que tamén se atopan artellando a páxina web, a través da cal amosar o seu produto e posibilitar a compra. Tampouco descartan nun futuro organizar talleres, visitas, mostras a asociacións e participar en feiras internacionais. De feito, xa teñen solicitado asistir a dúas, unha en Suecia e outra en Londres.
Pola súa parte, Martiño Hortas apunta que o resultado que perseguen na elaboración é resaltar o tacto para “ampliar as sensacións.” Un proceso longo e totalmente artesanal que da lugar a “pezas completamente únicas.”
Agora veñen de presentar a Colección Lomba, o primeiro xogo de pezas utilitarias composto por catorce boles, tres ámboas e un vaso, superpoñéndose os diferentes tamaños para resultar, ao mesmo tempo, decorativos e útiles. Da mesma maneira, reproducen as pezas da colección cun grosor de parede moito máis fino para empregalas como cuncas de caldo, viño e licor. Todo este traballo é o froito de observar o crecemento da horta cun prisma xeométrico, inspirándose na olería tradicional galega e na xaponesa.
O sábado 5, ás 18.00 horas, terá lugar a inauguración da mostra no seu local da rúa Raposiños, 2, na aldea citada anteriormente, animando a todos aqueles que o desexen a achegarse.
