
20191011 Hai ocasións en que os libros, sexa cal sexa o seu xénero e o seu formato, preséntanse en lugares especialmente axeitados para eles e, desta maneira, todo o proceso de creación dese produto editorial encaixa. Este venres 11 de outubro imos ter un exemplo perfecto disto en Rianxo: a presentación da biografía Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais) de Luís Rei Núñez na recentemente remodelada Casa-Museo de Rafael Dieste na rúa de abaixo.
A cita será ás 20.30 horas e constitúe unha cita inescusábel para os afeccionados á literatura por unha manchea de razóns: porque O libre pensamento de Rei Núñez á vida e obra de Dieste é un monumental e apaixonante achegamento ao autor de Dos arquivos do trasno e a vila que o viu nacer e medrar, porque se vai dar a coñecer na que foi a súa residencia e porque Dieste precisaba en certa maneira que o reivindicasen (é un dos grandes narradores da nosa terra) e porque as cuestións das que trata a obra de Rei Núñez (a defensa da liberdade e o espírito crítico, a solidariedade co pobo, a denuncia das inxustizas, a luz necesaria da cultura, o pensamento contra a barbarie e o fascismo) están por desgraza máis vixentes ca nunca.
No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, Xerais e o Concello de Rianxo, intervirán Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor; Amparo Cereixo, profesora.
O libro, en palabras do autor (autor tamén de O encargo do señor Castelao), “conta a vida apaixonante dun home libre e bondadoso e o seu tempo, o dun país sometido ás pulsións máis extremas”, unha vida que abrangue oito décadas da nosa historia (entre 1899 e 1981) e foi testemuña de acontecementos dramáticos como a Guerra Civil (que Dieste fixo comprometido coa causa da legalidade) e do exilio de milleiros de persoas represaliadas, entre as que se atopou el mesmo (recalando en Bos Aires, Cambridge e Monterrey). “Nun mundo en debate ideolóxico permanente, e moitas veces encarnizado, de Rafael Dieste quedou o exercicio irrenunciable do libre pensamento”, engade o autor.