O rianxeiro Gonzalo Hermo gaña o Premio Repsol con Diario dun enterro

25 Setembro 2019

20190925 Para to@s @s que seguiron de preto o traballo do poeta rianxeiro Gonzalo Hermo (Taragoña 1987), autor de libros tan notábeis como Crac (Barbantesa 2011) ou A Vida Salvaxe (PEN Clube Galicia, 2018), non será de estrañar o importante recoñecemento que vén de obter Diario dun enterro, a súa nova contribución literaria, desta volta con feitura de novela: o Premio de Narrativa Breve Repsol 2019 (trece edición).

O autor, que amais de poeta é filólogo e profesor, conseguiu a devandita distinción “pola sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como so os rituais da morte e a súa pegada nos roles familiares”. Con este punto de partida, a obra achéganos a un personaxe protagonista que se revela contra a súa orixe e contra a influencia da tradición e os antergos á hora de ir dando forma ao seu destino.

Intre no que foi dado a coñecer o galardón deste ano

O premio foi dado a coñecer hoxe ao mediodía na Coruña polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a voceira do xurado, a novelista e poeta Berta Dávila. O galardón, que convocan conxuntamente a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol, está dotado con 12.000 euros e a publicación da obra por Galaxia.

O xurado salientou tamén “o equilibrio entre o fondo e a forma” do que fai gala Diario dun enterro, amais “da regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes”.

Filólogo, profesor e escritor

Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Autónoma de Barcelona. Actualmente, vive en Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres.

Publicou tres libros de poemas: Crac (Barbantesa, 2011), Celebración (Apiario, 2014), editado en catalán por Godall Edicions e en castelán por La Bella Varsovia, e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018). Gañou, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova Miguel Hernández en 2015 e o Premio de Poesía Afundación 2018. Diario dun enterro é a súa primeira novela.

O xurado desta edición estivo composto por cinco sobranceiras personalidades das letras galegas: Anxos Sumai, gañadora da II edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Así nacen as baleas; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; Euloxio Rodríguez Ruibal, académico da Real Academia Galega; Berta Dávila, gañadora do Premio Narrativa Breve 2013 pola súa obra O derradeiro libro de Emma Olsen, e Dolores Vilavedra Fernández, profesora de literatura galega na USC.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. A entrega do galardón celebrarase antes de final de ano, nun acto público na cidade da Coruña. Para máis información cómpre visitar fundacionrepsol.com.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

O Congreso dos Deputados aprobou  -medio século dempois da ocupación do Sáhara Occidental por Marrocos- a nacionalización de saharauís, feito que se produce en plena polémica co país norteafricano. A medida pode afectar/beneficiar a aproximadamente 80.000 persoas e os...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.