Aprobada a auditoría externa da depuradora de Couso

24 Agosto 2019

20190823. A corporación municipal de Ribeira celebrou hoxe un pleno extraordinario. Os dous primeiros puntos a abordar foron a corrección de erros do Plan Xeral de Ordenación Municipal con situación na Mámoa de Coroso e a corrección de erros na linde entre os concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal no lugar de Forcados, así como os acordos que procedan. Ambos foron aprobados por unanimidade.

Por outra banda, saíu adiante por unanimidade a modificación 51 da base do orzamento para poder firmar un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para poder ter unha sede permanente para o ciclo de formación para persoas maiores de 50 anos. Mentres tanto, a transferencia de crédito n°8/2019, a cal gardaba relación co anterior punto, saíu adiante co voto favorable de tódolos grupos municipais, exceptuando o PBBI.

Outro dos temas a tratar foi o expediente de permuta da parcela de propiedade municipal por parcela de propiedade da comunidade veciñal de montes de Artes, aprobándose cos votos a favor do PP, PSdeG-PSOE e BNG, absténdose PBBI e Suma Ribeira.

Pero o punto que máis se prolongou foi o referente á xestión da depuradora de Couso, co obxectivo de decidir se a xestión do saneamento é municipal ou se encarga a Xunta de Galicia, despois de que o Concello recibise notificación de que Acuaes non o fará. O alcalde, Manuel Ruiz, manifestou que o informe que trasladou foi que “tanto por razóns administrativas coma económicas coma de outro tipo, o máis interesado en poder levar iso é o propio Concello” coa pretensión, entre outras cousas, de ter autonomía local e financeira, xestionando os ingresos e gastos desa infraestrutura, así como ter capacidade de decisión.

Na súa intervención, o edil nacionalista Luís Pérez Barral fixo unha análise histórica e cronolóxica explicando os problemas que tivo a EDAR. Anticipándose ao PBBI, apuntou que “a xestión non puido ser peor por parte do Partido Popular e tamén dos concelleiros e concelleiras que hoxe están no PBBI como a señora Elorduy, a señora Pouso ou o señor Mariño, defenderon sen miramentos durante os últimos anos e que hoxe se votan diferente é por levarlle a contraria ao señor Ruiz e que provocaron un forte malestar social.” Pola súa parte, Herminia Pouso, do PBBI, indicou que “non por oportunismo de facerlle oposición ao señor Ruiz, para nada señor Pérez Barral, que vostede niso está equivocado, entendemos que debe o Concello asumir a responsabilidade.”

O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, insistiu en pedir “unha moratoria na entrega deste complexo EDAR que para o 1 de xaneiro de 2020 terá a súa eficacia global insuficientemente probada ao noso entender”, pero o rexedor sinalou que non era posible.

José Manuel Vilas, do PSdeG-PSOE, considerou que se debe solicitar tamén o mantemento e explotación da EDAR por parte do Concello de Ribeira e “como non está acabada e segue o malestar veciñal, en tanto non estea comprobada a eficacia da infraestrutura, imos votar en contra da recepción. O único informe válido é o sentir dos veciños, cando este sentir sexa favorable, estaremos a favor. Nós consideramos que deberíamos solicitar, como ben comentou Xurxo Ferrón, unha moratoria se é posible pedila.” Ademais, incluíuse na emenda dos nacionalistas o engadido dos socialistas de “en toda a infraestrutura para estaren solucionados.”

A concelleira do PP, María Sampedro, apuntou que “nos gustaría engadir ao final que tamén os técnicos da Xunta de Galicia e os técnicos do Concello puidesen presentar tamén eses informes de recepción e avaliación.”

Finalmente o executivo aceptou a emenda presentada polo BNG e a corporación acordou, cos votos en contra do PBBI, encargar unha auditoría externa de toda a infraestrutura de depuración antes de que o Concello de Ribeira reciba a obra.

A continuación, saíu adiante o expediente de licitación da concesión de servizo de axuda no fogar cos votos a favor do PP e PBBI, o voto en contra do PSdeG-PSOE e a abstención do BNG e Suma Ribeira.

No que respecta ao expediente de extinción do servizo público do matadoiro e liquidación da concesión, desafectación do inmoble e enaxenación houbo certo enfrontamento entre o alcalde, Manuel Ruiz, e a edil do PBBI, Herminia Pouso. A razón foi que a concelleira cualificou de “pucherazo” a valoración de 1.050.000 euros efectuada polos servizos técnicos municipais, e o rexedor apuntou que “este expediente está absolutamente revisado polos técnicos municipais e eu meto a man no fogo por calquera deles.” Ao final, foi aprobado cos votos a favor do PP, os votos en contra do PBBI e Suma Ribeira, así como as abstencións do BNG e PSdeG-PSOE.

Por último, quedou pendente o punto da ordenanza 8.3 das normas urbanísticas do PXOM de Ribeira, pois estase sometendo a modificacións, mentres que a participación 2ª fase do POS adicional 2019 saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos municipais, agás a abstención de Suma Ribeira.

Outros artigos

A enseada da Pobra dará a saída á Liga de Cruceiros Ría de Arousa

A unión entre os clubs máis representativos na escena cruceirista de Arousa vai facer posíbel que un ano máis se celebre a clásica regata invernal na ría. Os clubs Arousa Norte (A Pobra ), Ribeira, Rianxo e o centenario Real Club de Regatas de Galicia (Vilagarcía)...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“De cuentos y cuentistas”. José Antonio Constenla

“De cuentos y cuentistas”. José Antonio Constenla

La vicepresidenta primera del Gobierno y ministra de Hacienda, María JesúsMontero, ha justificado la intervención de Moncloa en el relevo del presidentede la empresa Telefónica, en que “tocaba el proceso de renovación” y por quées muy importante que España cuente con...

“Aprende del ejemplo” – Manuel Domínguez

“Aprende del ejemplo” – Manuel Domínguez

Una Goleta, con tres palos, Trinquete, Mayor y Mesana, cada palo aguanta su vela. Así funciona y así navega, un palo no aguanta la vela que no le corresponde, cada quien aguanta la suya. Así pues, no es eficaz, que una persona transporte los problemas de otra, podrás...