A Festa da Dorna colle rumbo cara o seu día máis grande

23 Xullo 2019
Un dos intres dos Xojos de Mar no porto de Ribeira

20190723 Se a Festa da Dorna de Ribeira se puidese expresar nunha gráfica, este pasar do 23 de xullo ao 24, día grande das festividades, sería o punto máis alto. Así, logo dos importantes e heroicos alardes aeronáuticos da xente dorneira no Jran Premio Ícaro de Voo Sen Motor celebrado onte no peirao de Ribeira (que converteron o porto nun centro de I+D de aparellos condenados a esnafrarse co mérito extra de que, a diferenza dos UAV e os drons, estes aparellos aéreos si que viñan tripulados); e logo das grandes actividades deste 23 (o Maratasón Infantil, o Trinautlón na Praia da Area Secada, o Maratasón Dorneiro e a Final da Cansión de Tasca), xa só quedar tomar aire e prepararse para a traca final, a deste 24. As cousas que nos ten deparada a organización, a Cofradía da Dorna e mailas peñas dorneiras, non ten desperdicio.

Foto do varadeiro, cortesía do Bar Plaza, intervido polos dorneiros

A derradeira xornada desta 71 singradura comeza como de costume ao mediodía, coa exposición das embarcasións feitas a machada no Malecón, e coa xa habitual procesión de creativos e sorprendentes buques até a praia de Coroso, con todo o que iso implica: basicamente, carallada en pereghrinasión. O comezo da regata (Rejata de Embarcasións Feitas a Machada e Propulsadas a Pan de Millo) está previsto nalgún punto horario comprendido entre as 14.00 e as 14.30 horas. A continuación será a quenda dos Xojos Dorneiros (sobre as 16.00 horas), do Campionato Mundial de Chinchimonei (sobre as 18.00) e dunha nova xeira do Rock&Dorna dende o mar: sobre unha batea en fronte ao Coroso actuará, sobre as 18.00 horas, o bluesman compostelán Adrián Costa.

O día rematará coa ruada colectiva Top Secret, sobre as 21.00 horas, e co concerto de Boikot e Dakidarría no escenario do Malecón, a partir das 23.15 horas.

Outros artigos

Cáritas Ribeira segue coa recollida solidaria de alimentos

Cáritas Ribeira segue coa recollida de alimentos que durará todo o mes, excepto Gadis que o fará ata o día 16 pero actualmente en trámites de ampliación. Cáritas Ribeira segue coa recollida de alimentos, unha campaña que durará todo o mes. A organización busca axudar...

+

Ribeira acolle o evento deportivo Nada e Corre este 10 de decembro

O evento deportivo Nada e Corre, que consistirá nunha proba de natación e outra de carreira, terá lugar este domingo 10 de decembro do 2023 a partir das 10:00 no Complexo Deportivo Municipal A Fieiteira. Na proba poderán participar as categorías dende prebenxamín ata...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión