Ribeira converterase en capital do libro galego a vindeira finde

07 Xuño 2019

As seareiras e seareiros da lectura do Barbanza van ter unha cita de para atopárense (elas, eles, os libros) entre os días 13 e 16 de xuño. O motivo? A celebración da quinta convocatoria da Feira do Libro de Ribeira, unha cita de catro días que vén cargada de actividades (presentacións editoriais, concertos, obradoiros, charlas) e, tamén, de importantes descontos exclusivos. Os stands, novamente, habilitaranse na praza do Concello. O evento, inserido no programa de Feiras do Libro de Galicia, será o epicentro da Ribeira literaria.  

A cita, incluída na programación de Xuño da Cultura e as Artes, foi presentada hoxe por Nani Regueira, coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia; Jesús Espada, xefe territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia na Coruña; e David Fernández, concelleiro de Cultura e Educación.

Contarase coa presenza da Libraría Pedreira, a Libraría Cortizas, Ler Libraría da Pobra do Caramiñal e Libraría Cartabón, ademais da Deputación da Coruña.

A cita dará comezo o xoves 13 ás 13.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de escritor, contacontos, dinamizador e activista medioambiental Anxo Moure. Na inauguración virá acompañada dunha actuación musical a cargo de O Rueiro dos Fillos de Palmeira.

As portas da feira estarán abertas xoves e venres de 11.30 a 14 e de 18 a 21.30 horas e sábado e domingo de 12 a 14.30 e de 18 a 21.30 horas. Todos os libros en venta teñen un 10% de desconto.

Respecto do programa, previamente ao pregón, o xoves ás 12.00 horas, haberá unha actividade infantil na que participará o propio Anxo Moure co alumnado dos colexios de Ribeira e que consistirá nunha visita ao recinto da feira e unha lectura dos seus Contos para amar o mar, narración para nenas e nenos na que se lembra como o Sereo de Vigo baixou dende a Porta do Sol para mergullarse cos cativos e lembrarlles a necesidade de coidar o mar e respectalo.

O xoves tamén se presentarán (pola tarde, a partir das 19.00) os libros Liñas compartidas de Patricia Torrado e Arró de Xabier López Marqués.

O venres vén cun completo programa de actividades. Ao mediodía celebrarase outra actividade infantil cos colexios de Ribeira, desta volta na compaña de Raquel Queizás. Pola tarde, ás 18.30 horas preséntase o Club da Lectura Dixital eBibliotecadacoruña Club Lector, a cargo da Biblioteca Provincial da Coruña. A continuación, ás 19.30 horas, darase a coñecer o libro Compañeira, non serva (Toxosoutos), da autora Rosario Regueira. Á mesma hora tamén se presenta Infamia, de Ledicia Costas. A xornada remata cunha charla coloquio de escritoras e escritores de Ribeira, prevista para as 20.30 horas. Participan Uxía Casal, Antonio Piñeiro e Antonio Tizón.

O día seguinte, sábado, a feira re-comeza poñendo o foco no mar, cunha actuación musical do escritor e músico Xurxo Souto, a conto da súa novela A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais). Isto será ao fío das 12.00 horas. Unha hora máis tarde as nenas e nenos volverán ser protagonistas coa actividade infantil Story Time, Under the Sea, por Kid & Us (entre os 3 e os 5 anos). Pola tarde, ás 19.00 horas, volverá a música da man de Luís Vallecillo, que presenta o seu libro disco Cantamos (Guindastre Edicións). Máis tarde, ás 20.00 horas, preséntase a novela Por Puntos de Manuel Portas (Galaxia).

O domingo as actividades comezan ás 13.00 horas, con A maxia de ler, espectáculo de maxia de David Méndez. Pola tarde, ás 19.00 horas, será a quenda do músico Xoán Curiel, co espectáculo Canta miña pedra canta.

Outros artigos

En Ribeira caída xeneralizada de fibra en varias zonas

Onte contorna ás 11 da mañá, as redes de fibra de distintos fogares de Ribeira deixaron de funcionar debido a un fallo de BRAS. As empresas provedoras comunícannos que actualmente este problema xa case esta emendado na súa totalidade e que o servizo está case...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A mellor, a da casa”. Luís Celeiro

“A mellor, a da casa”. Luís Celeiro

Todo ao grande, como debe de ser para aparentar fartura. En A Cañiza, neste mesmo ano,Alberto fixo o bocadillo máis grande que se coñece no mundo. Era de xamón, tan grandeque ninguén era quen de comelo enteiro. A barra de pan medía uns vinte metros delonxitude e a...

“Amigos”. Xulio Xiz

“Amigos”. Xulio Xiz

Eu era de facer anotacións de todo tipo, ata que as novas tecnoloxías me mudaron os hábitos. Hai anos utilizaba unha relación de varios folios onde tiña clasificados por orde alfabética amigos e coñecidos con enderezo, teléfonos e correos electrónicos. E, á parte,...